Quen Somos

>> ¿Cómo chegar? <<

 

“En los jardines de Felipe de Castro Todos los días hay reunión Allí se juntan los que no trabajan Murmurando siempre del trabajador”

 

Parece ser que estes murmuradores dos que fala a popular copla noiesa foron a semente do que hoxe é a nosa florecente Sociedade Liceo.

No antroido do ano 28 deuse a coñecer ó público a rondalla “Agrupación Artístico-Musical Noyesa", dirixida por D. Julián Lázaro Herce, oficinista de "Talleres Acco", pequena empresa adicada á construcción naval. Foi elexido como presidente de honra Don Germán Vidal.

Lucía a xove agrupación un fermoso pendón bordado polas Srtas. Oliva Brenlla Pestonit e Carmen Blanco-Neu, segundo dibuxo de D. Aurelio de Andrés Moreno. Este fermoso pendón, que foi depositado na casa do presidente da agrupación, atópase hoxe na secretaría da Sociedade, sendo o seu paulatino deterioro, verdadeira preocupación da actual directiva.

Os éxitos acadados pola "Agrupación"en diversas localidades, decidiron a aquel grupo de xoves a buscar un local fixo onde proseguir os seus ensaios, idea que foi medrando ata callar na decisión de ir máis alá e fundar unha sociedade artesana de carácter máis humilde que o “Casino de Caballeros" que xa contaba por aquel entón con 77 anos de existencia.

O 28 de Agosto do ano 1.928, fundouse a Sociedade Liceo, estando a súa primeira directiva formada polos seguintes Srs.: Presidente: D. Luis Rivas Rego; Vice-presidente: D. Manuel Seijas Louro; Secretario: D. Mariano Nimo Fuentes; Contador: D. Severo González Rivas; Depositario: D. Angel Abeijon; Vocales: D. Aurelio Rodríguez Millares, D. Manuel Iglesias Siso, D. Basilio Pérez Barbazán e D. José Rego.

 

A nova sociedade instalouse no piso alto do que era naquel momento a Ferretería de Rivas, a carón do pazo dos Acosta, en cuio baixo está instalada na actualidade a armería Romaní.

Contaba con 45 asociados que satisfacían unha cuota de dúas pesetas mensuais, co que iniciaron a súa andadura, mercándolle ó "Casino de Caballeros" un mobiliario medianamente usado, pois carecían do máis esencial, xa que a devandita sociedade estaba remozando as súas instalacións.

Pronto, o local da "Casa de Rivas", foise quedando pequeno debido ó incesante incremento da masa social, polo que tras moitos estudios económicos, trasladouse á casa propiedade de D. Angel Pérez, sita na Porta da Vila, cuns xardíns e una horta fermosísimos, onde permaneceu ata o 31 de Decembro de 1.933, cando o número de socios chegaba xa á increible cifra de 500.

 

 Ante tan singular crecemento, a directiva decide trasladar de novo a sede a un novo local, millor acondicionado e con múltiples dependencias para as súas actividades culturais e artísticas, mesmo un salón de baile con capacidade abondo para a nova masa social. Tan fermoso local estaba situado na rúa do Comercio e pertencera a D. Primitivo Trigo Pardiñas, coñecido comerciante da localidade, quen tamén construira o Coliseo Noela, propiedades ambas as dúas que pasaran recentemente a mans do médico da vila D. Ramón Mariño Neu, e logo propiedade da familia Guerra, que instalou, nos baixos do edificio a Ferretería Guerra, hoxe desaparecida. Este novo local foi inaugurado pola Sociedade o día 1 de Xaneiro do ano 1.934, e nel permaneceu ata o 13 de Agosto, pois na madrugada do día 14 do citado mes, un incendio destruiu por completo o inmoble, perdendo a Sociedade Liceo prácticamente todas as súas posesións.

 Como se fosen símbolos da Sociedade, entre os escasos enseres recuperados do lume, estaban o Libro de Socios, como símbolo da forza humana e o piano, como símbolo da tradición musical que lle dou vida.

Esta desgracia deixou ó Liceo en situación máis que precaria pois á perda de maioría dos enseres, uniuse a baixa masiva de socios quedando a masa social reducida a 100 socios.

Tras uns días de estancia provisional nun dos salóns do Coliseo Noela ofrecido desinteresadamente polo Sr. Mariño Neu, deixamos o Liceo instalado nun destartalado edificio da Praza do Tapal loitando pola supervivencia e tratando de reorganizar a vida social ■

                                                                                                                                                                                                                                                                                   
 
Subir