Liceo de Noia

A Subela

 

     É ben coñecido o interese da Sociedade Liceo de Noia pola música popular galega. Dende hai máis de vintecinco anos a sociedade ven impartindo clases de baile e música tradicional. A actual directiva fixo verdadeiros esforzos económicos para que os compoñentes do grupo, dende os máis novos ata os máis cativos, luciran un vestiario acorde coa súa calidade artísitica, investindo tamén en instrumentos e mestres. 

     Son xa moitos os mozos e mozas, e varios os profesores, que algún día formaron parte do grupo. Este esforzo de todos naturalmente deu os seus froitos, e hoxe o Liceo posúe unha grande escola á que acuden máis de sesenta persoas de tódalas idades. Esta escola foi o berce onde alá polos anos oitenta abrollou o grupo “A Subela”, cun nome moi ligado á tradición zapateira de Noia.

     Hoxe, coa súa maioría de idade artística máis que acadada, preséntannos o seu primeiro CD en solitario. Un traballo madurado ao sol do esforzo continuado, sen presa pero sen pausa, como maduran as boas froitas, día a día. 

     Como en todo traballo artístico de calidade, quedan atrás horas e horas de ensaio e renuncia, moitas veces, a outras actividades de lecer. Neste CD calla o traballo de anos de investigación, recollidas de cantigas, xeitos e músicas para que as saboreemos nós e as xeracións vindeiras e non desaparezan na escura noite do tempo.

     Un traballo feito con tanta ilusión como arte, con tanto corazón como amor pola nosa terra e os nosos costumes. 

    

     Un traballo de galegos para galegos.

 

    

     Ramón Carredano Cobas

 

Audios      Fotos      Vídeos      Contacto

Séguenos no Facebook - Sociedade Liceo de Noia | liceonoia@gmail.com